sábado, 17 de enero de 2009
Presión!
Non sei si esta é a presión que sinto eu para que actualice o blog pero dende logo presionar si que me presionan para que actualice, e....
xa está, xa actualicei!!!
Contentos????
Mañá máis...
lunes, 31 de diciembre de 2007
Blogs: posibilidades de uso educativo
Igual que un neno vai dando os seus primeiros pasos na escola e aprende a escribir, a ler... eu vou dando os meus primeiros pasos no mundo dos blogs.
Fai nada, creei este ao que lle puxen por título “Cousas de Margosiña” e no que vou escribindo sobre as miñas experiencias, as miñas viaxes...
En resume, son novata... e aínda así, do que levo visto e, sobre todo, do que levo reflexionado, son capaz de apuntar algunha das posibilidades de uso dos blogs no ámbito educativo; posibilidades que se derivan, en gran medida, da gratuidade e da facilidade de uso dos mesmos.
E quero falar destas posibilidades en función dos 3 colectivos que considero máis importantes na educación:
· alumnos: para os nenos os blogs resultan un elemento atractivo que, incorporado nas aulas, desenvolve as súas capacidades. Que os alumnos manteñan un blog de aula significa que van aprender a traballar en grupo, a compartir, a buscar información...; van desenvolver as súas capacidades de expresión e comprensión, de análise e síntese de contidos..., van asumir responsabilidades..., en definitiva, van ser protagonistas do seu aprendizaxe e este aprendizaxe vai ser significativo
· profesores: para os profesores os blogs constitúen unha forma de compartir experiencias, recursos, reflexións...; resolver dúbidas; pedir consellos...
· familia: desde esta perspectiva, un blog de aula é unha invitación a compartir experiencias do e co neno, a participar dos proxectos que se desenvolven na aula, a dialogar, a comunicarse... Para a familia é unha ventá aberta ao que pasa na aula...
Ademais, os blogs achegan a tecnoloxía ás aulas dun xeito sinxelo e accesible a tódolos niveis e isto é moi importante nun momento no que a sociedade está avanzando, neste aspecto, a velocidades de vértigo (como se non, queremos formar individuos capaces na sociedade actual? Ensinándolle según os modelos e os modos de vida de fai anos?)
E moitas veces, poden ser os nenos máis hábiles que os propios mestres neste ámbito pero iso non debe servir de excusa, porque a escola debe ser un lugar onde todos aprendamos de todos
domingo, 30 de diciembre de 2007
Análise de blogs (III)
A intención do blog é que sexa un banco de recursos multimedia para alumnos de educación Infantil no que os nenos atopen actividades atractivas para traballar os contidos do currículo, ou polo menos así o manifesta a súa autora na presentación.
Sen embargo, se analizamos un pouco máis polo miudo o blog, vemos que é moito máis que iso. Recursos para Educación Infantil é un blog que está organizado en 4 pestañas:
- presentación. Nesta pestaña atopamos a presentación do blog pola súa autora
- páxina principal: aquí atopamos o que era a intención do blog, actividades dirixidas aos nenos de educación infantil para traballar os contidos do curriculo de infantil
- blog de aula: desde esta pestaña o que temos é un enlace co blog da aula de 4º C de Ed. Primaria do C.P Eduardo Sanchiz onde queren compartir tódalas cousas que, ao longo deste novo curso, aprenderán sobre o seu pobo: Tarazona de la Mancha
- blog de primaria con enlace a recursos para o segundo ciclo de Primaria. É o único lugar onde atopamos comentarios (2)
- na columna central atópanse as entradas correspondentes a cada unha das pestañas
- na columna da dereita aparecen os contidos da páxina principal organizados según as etiquetas das entradas
- na columna da esquerda o que atopamos é un calendario do mes en curso, enlaces con outros blogs: o blog do colexio, recursos para descargar... e un apartado de xestión do blog.
No calendario aparecen sinalados noutra cor os días nos que a autora fixo entradas ao blog.
A primeira entrada do blog foi feita o 30 de setembro de 2007 e a última o 28 de decembro. Ata o de agora van alá 75 entradas no que é a páxina principal do blog
Os contidos que se atopan nesta páxina son: colores, cinco años, habilidades, cuatro años, cuentos, el entorno, lectoescritura, música, números, tres años e varios.
O blog resulta atractivo, de fácil manexo e cumple o seu obxectivo de achegarnos recursos. Ainda que ofrece a posibilidade de facer comentarios, estes son inexistentes na súa páxina principal.
É de agradecer o esforzo de mestres que, como a autora deste blog, adican parte do seu tempo a recopilar recursos para compartilos cos demais
Análise de blogs (II)
Espiral, como se nos indica no blog, é un colectivo de persoas e entidades interesados na promoción e na aplicación das TICs na educación. Este blog vai ser o medio empregado para publicar as candidaturas e onde ademais se irá mostrando toda a información relacionada co premio.
O arquivo do blog vai de febreiro a maio do 2007 e recolle un total de 182 entradas e 231 comentarios. Cada entrada incorpora a data en que foi feita e unha ou varias etiquetas que a califican.

O nome do blog aparece arriba de todo e debaixo ten unha serie de pestañas que nos mostran a información xa clasificada. As pestañas que ten son as seguintes:
- inicio: esta pestaña segue o discurrir do premio dende a presentación de candidaturas á resolución do mesmo: as entradas máis antigas son os artigos que achegan a proposta ao premio con comentarios de valoración feitos polos propios candidatos, e nas entradas máis recentes incluense as listas de finalistas e os blogs gañadores do I Premio Espiral Edublogs 2007
- blogs colectivos
- blogs de aula
- blogs de centro
- blogs de profesores
- menciones
- premio Edublog: nesta pestaña o blog ofrece información sobre o premio: as bases do mesmo así como respostas a cuestións relacionadas con el. Dentro das bases a información que se ofrece son: obxectivos do premio, categorias nas que se pode concursar, premios que se establecen, idioma, proceso de selección e propostas, criterios de valoración e membros do xurado
- sobre: nesta pestaña aparece información sobre a Asociación que promove o premio
Que máis vos podería decir deste blog??
Creo que o mellor consello que vos podo dar é que o visitedes... xa que nel atoparedes mostras de distintas iniciativas relacionadas coas TICs no ámbito da educación, de gran interés para todas aqueles profesionais da educación que queiran incorporar as TICs á súa aula.
Parabens á asociación Espiral por esta iniciativa!!!
A convocatoria deste premio danos a oportunidade de coñecer como se está traballando a incorporación das TICs ás aulas, algo que non podemos retrasar máis.
viernes, 28 de diciembre de 2007
Análise de blogs (I)
Á súa cabeceira está o director deste colexio, quen ademais e como podemos ver no seu perfil, encabeza outros blogs, algúns públicos e outros de acceso restrinxido
Blogger foi o servidor escollido por el para crear o blog.
A primeira entrada do blog é do 31 de xaneiro de 2007 e a última do 16 de decembro do mesmo ano, contabilizándose un total de 118 entradas. No mes de agosto non se produciu ningunha entrada sendo maio o mes con maior número de entradas.
Desde o 9 de febreiro leva recibido 204.444 visitas como recolle o contador (pero según veño observando este número increméntase notablemente día a día). Ademais deste contador inclúe un mapa-mundi onde se pode ver os lugares desde os cales o blog é visitado.
Todas as entradas do blog corresponden a enlaces con recursos educativos que aparecen correctamente etiquetados indicando na maioría dos casos a área e o nivel no que poden ser utilizados.
Estructura das entradas:
- data na que se inclueu a entrada no blog
- título (por ex. sumar y restar con decimales, el aparato digestivo...)
- unha imaxe e unha breve explicación do mesmo (por ex. para aprender a sumar y restar con decimales. Recurso muy apropiado para trabajarlo en la PDI).
- valoración do recurso (permite facer unha sinxela valoración do recurso que se presenta: mola! - entretido - intuitivo - gran descubremento)
- comentarios
- etiquetas.
Estructura do blog:
- arriba de todo aparece o nome do blog: Enlaces educativos. Quinta Porrúa
- na columna da esquerda aparecen as entradas
- na columna da dereita e de arriba-abaixo:
- presentación
- etiquetas
- enlace coa páxina do Premio Edublogs, no que este blog participou na categoría de blogs de profesores e profesoras.
- direccións de correo-e: desde este blog ofrécese a posibilidade de contribuir ao seu enriquecemento a través de dúas direccións de correo-e ás que se poden remitir enlaces que cada quen considere interesantes no ámbito educativo.
- enlaces con blogs que o autor considera moi interesantes: El tinglado, La despensa educativa, Blogprofesor@s: creando y compartiendo entre outros.
- calendario onde se indica o día e tamén os días que o blog leva activo (a día de hoxe son 333 días). Ademais dase a benvida ao blog e desexase que cada quen atope o que busca
- contador de visitas e información sobre os lugares do planeta desde os cales é visitado
- enlaces con outros blogs do mesmo centro
- clasificación dos recursos incorporados ao blog en base ao nivel e á area
- arquivo do blog
- datos persoais
Ademais non se reduce a unha idade concreta - abarca desde infantil a primaria - nen a unha área - hai recursos para tódalas áreas e niveis.
Se non o coñecedes, invítovos a que lle botedes unha ollada; na miña opinión ten recursos moi interesantes, despois que cada quen valore...
miércoles, 26 de diciembre de 2007
Blog: e iso que é...???
Si, paradóxico, porque o que agora mesmo estou escribindo vai aparecer publicado nun, no meu... e aínda que agora xa sei o que é un blog, non fai tanto tempo que os descubrin.
Para os que non o saiban, un blog é un diario na web. O termo proven das palabras web + log (web = rede + log = diario)
Tamén se chaman cadernos de bitácora, sobre todo, cando o autor escribe sobre a súa vida como se fose un diario.
É un sitio web no que un ou varios autores escriben os seus textos ou artigos, que se actualiza periodicamente e que admite comentarios referentes aos artigos publicados. Os artigos aparecen en orde inverso a súa publicación e poden incluir texto, imaxes, videos, enlaces...
Crear un blog como este é sinxelo. Hai servidores na rede - como Blogger, Myspace, Obolog e outros - que permiten crear un blog en poucos pasos de xeito gratuito. Proporcionan un aloxamento ou dirección web para o blog e unha interfaz que permite a súa xestión de xeito sinxelo.
Para blogs máis complexos, onde sexa necesario un control total sobre a súa funcionalidade, é precisa a instalación dun software de xestión de contidos.
Co blog creado logo só queda darlle continuidade...
Pensando, pensando non deixa de asombrarme a enorme cantidade de blogs que hai, xa só relacionados coa educación... dende inicios do século XXI que é máis ou menos cando surxiron. Isto lévame a reflexionar sobre a importancia que a sociedade actual lle da as TICs, importancia á que a escola non pode permanecer allea.
Xa non é posible imaxinar unha escola que lle feche as portas á tecnoloxía porque os nenos e adolescentes que enchen as aulas naceron e medraron rodeados de tecnoloxía, de Internet... Por iso son necesarios novos enfoques educativos que lle den cabida ás TICs nas aulas e que lle proporcionen aos alumnos as competencias necesarias para desenvolverse nesta sociedade.