lunes, 31 de diciembre de 2007

Blogs: posibilidades de uso educativo

Igual que un neno vai dando os seus primeiros pasos na escola e aprende a escribir, a ler... eu vou dando os meus primeiros pasos no mundo dos blogs.

Fai nada, creei este ao que lle puxen por título “Cousas de Margosiña” e no que vou escribindo sobre as miñas experiencias, as miñas viaxes...

En resume, son novata... e aínda así, do que levo visto e, sobre todo, do que levo reflexionado, son capaz de apuntar algunha das posibilidades de uso dos blogs no ámbito educativo; posibilidades que se derivan, en gran medida, da gratuidade e da facilidade de uso dos mesmos.

E quero falar destas posibilidades en función dos 3 colectivos que considero máis importantes na educación:

· alumnos: para os nenos os blogs resultan un elemento atractivo que, incorporado nas aulas, desenvolve as súas capacidades. Que os alumnos manteñan un blog de aula significa que van aprender a traballar en grupo, a compartir, a buscar información...; van desenvolver as súas capacidades de expresión e comprensión, de análise e síntese de contidos..., van asumir responsabilidades..., en definitiva, van ser protagonistas do seu aprendizaxe e este aprendizaxe vai ser significativo

· profesores: para os profesores os blogs constitúen unha forma de compartir experiencias, recursos, reflexións...; resolver dúbidas; pedir consellos...

· familia: desde esta perspectiva, un blog de aula é unha invitación a compartir experiencias do e co neno, a participar dos proxectos que se desenvolven na aula, a dialogar, a comunicarse... Para a familia é unha ventá aberta ao que pasa na aula...

Ademais, os blogs achegan a tecnoloxía ás aulas dun xeito sinxelo e accesible a tódolos niveis e isto é moi importante nun momento no que a sociedade está avanzando, neste aspecto, a velocidades de vértigo (como se non, queremos formar individuos capaces na sociedade actual? Ensinándolle según os modelos e os modos de vida de fai anos?)

E moitas veces, poden ser os nenos máis hábiles que os propios mestres neste ámbito pero iso non debe servir de excusa, porque a escola debe ser un lugar onde todos aprendamos de todos

domingo, 30 de diciembre de 2007

Análise de blogs (III)

Recursos para Educación Infantil é un blog creado por unha maestra de Primaria do C.P Eduardo Sanchiz.
A intención do blog é que sexa un banco de recursos multimedia para alumnos de educación Infantil no que os nenos atopen actividades atractivas para traballar os contidos do currículo, ou polo menos así o manifesta a súa autora na presentación.
Sen embargo, se analizamos un pouco máis polo miudo o blog, vemos que é moito máis que iso. Recursos para Educación Infantil é un blog que está organizado en 4 pestañas:

  • presentación. Nesta pestaña atopamos a presentación do blog pola súa autora
  • páxina principal: aquí atopamos o que era a intención do blog, actividades dirixidas aos nenos de educación infantil para traballar os contidos do curriculo de infantil
  • blog de aula: desde esta pestaña o que temos é un enlace co blog da aula de 4º C de Ed. Primaria do C.P Eduardo Sanchiz onde queren compartir tódalas cousas que, ao longo deste novo curso, aprenderán sobre o seu pobo: Tarazona de la Mancha
  • blog de primaria con enlace a recursos para o segundo ciclo de Primaria. É o único lugar onde atopamos comentarios (2)
O blog está organizado en 3 columnas:
- na columna central atópanse as entradas correspondentes a cada unha das pestañas
- na columna da dereita aparecen os contidos da páxina principal organizados según as etiquetas das entradas
- na columna da esquerda o que atopamos é un calendario do mes en curso, enlaces con outros blogs: o blog do colexio, recursos para descargar... e un apartado de xestión do blog.
No calendario aparecen sinalados noutra cor os días nos que a autora fixo entradas ao blog.

A primeira entrada do blog foi feita o 30 de setembro de 2007 e a última o 28 de decembro. Ata o de agora van alá 75 entradas no que é a páxina principal do blog
Os contidos que se atopan nesta páxina son: colores, cinco años, habilidades, cuatro años, cuentos, el entorno, lectoescritura, música, números, tres años e varios.

O blog resulta atractivo, de fácil manexo e cumple o seu obxectivo de achegarnos recursos. Ainda que ofrece a posibilidade de facer comentarios, estes son inexistentes na súa páxina principal.
É de agradecer o esforzo de mestres que, como a autora deste blog, adican parte do seu tempo a recopilar recursos para compartilos cos demais





Análise de blogs (II)

Premio Edublogs é un blog creado con motivo do I Premio Espiral Edublogs 2007 promovido pola Asociación Espiral, Educación y Tecnología
Espiral, como se nos indica no blog, é un colectivo de persoas e entidades interesados na promoción e na aplicación das TICs na educación. Este blog vai ser o medio empregado para publicar as candidaturas e onde ademais se irá mostrando toda a información relacionada co premio.
O arquivo do blog vai de febreiro a maio do 2007 e recolle un total de 182 entradas e 231 comentarios. Cada entrada incorpora a data en que foi feita e unha ou varias etiquetas que a califican.
O nome do blog aparece arriba de todo e debaixo ten unha serie de pestañas que nos mostran a información xa clasificada. As pestañas que ten son as seguintes:
  • inicio: esta pestaña segue o discurrir do premio dende a presentación de candidaturas á resolución do mesmo: as entradas máis antigas son os artigos que achegan a proposta ao premio con comentarios de valoración feitos polos propios candidatos, e nas entradas máis recentes incluense as listas de finalistas e os blogs gañadores do I Premio Espiral Edublogs 2007
  • blogs colectivos
  • blogs de aula
  • blogs de centro
  • blogs de profesores
  • menciones
Nas pestañas correspondentes a blogs colectivos, de aula, de centros, de profesores e menciones a información que se facilita corresponde ás candidaturas presentadas para cada unha das categorias do premio (blogs colectivos, de aula...). Os enlaces que aparecen fan referencia ao artigo publicado no blog onde se explica a proposta feita e os comentarios de valoración de cada candidato.
  • premio Edublog: nesta pestaña o blog ofrece información sobre o premio: as bases do mesmo así como respostas a cuestións relacionadas con el. Dentro das bases a información que se ofrece son: obxectivos do premio, categorias nas que se pode concursar, premios que se establecen, idioma, proceso de selección e propostas, criterios de valoración e membros do xurado
  • sobre: nesta pestaña aparece información sobre a Asociación que promove o premio
O blog está estructurado en 2 partes, á esquerda ofrécese a información correspondente ás pestañas arriba sinaladas; á dereita ademais do encabezamento da asociación aparecen os blogs presentados ao premio clasificados por categorias, as últimas noticias e comentarios, un calendario...

Que máis vos podería decir deste blog??
Creo que o mellor consello que vos podo dar é que o visitedes... xa que nel atoparedes mostras de distintas iniciativas relacionadas coas TICs no ámbito da educación, de gran interés para todas aqueles profesionais da educación que queiran incorporar as TICs á súa aula.
Parabens á asociación Espiral por esta iniciativa!!!
A convocatoria deste premio danos a oportunidade de coñecer como se está traballando a incorporación das TICs ás aulas, algo que non podemos retrasar máis.

viernes, 28 de diciembre de 2007

Análise de blogs (I)

O primeiro blog que vou analizar leva por título: Enlaces educativos. É un blog creado desde o CEIP Quinta Porrua de Santander, coa pretensión - así o fan saber na súa presentación - de crear un listado de recursos web clasificados por ciclos e áreas.
Á súa cabeceira está o director deste colexio, quen ademais e como podemos ver no seu perfil, encabeza outros blogs, algúns públicos e outros de acceso restrinxido
Blogger foi o servidor escollido por el para crear o blog.
A primeira entrada do blog é do 31 de xaneiro de 2007 e a última do 16 de decembro do mesmo ano, contabilizándose un total de 118 entradas. No mes de agosto non se produciu ningunha entrada sendo maio o mes con maior número de entradas.
Desde o 9 de febreiro leva recibido 204.444 visitas como recolle o contador (pero según veño observando este número increméntase notablemente día a día). Ademais deste contador inclúe un mapa-mundi onde se pode ver os lugares desde os cales o blog é visitado.
Todas as entradas do blog corresponden a enlaces con recursos educativos que aparecen correctamente etiquetados indicando na maioría dos casos a área e o nivel no que poden ser utilizados.

Estructura das entradas:
  • data na que se inclueu a entrada no blog
  • título (por ex. sumar y restar con decimales, el aparato digestivo...)
  • unha imaxe e unha breve explicación do mesmo (por ex. para aprender a sumar y restar con decimales. Recurso muy apropiado para trabajarlo en la PDI).
  • valoración do recurso (permite facer unha sinxela valoración do recurso que se presenta: mola! - entretido - intuitivo - gran descubremento)
  • comentarios
  • etiquetas.
Os comentarios son escasos ou máis ben inexistentes o que si hai é valoracións dos recursos recollidos

Estructura do blog:
- arriba de todo aparece o nome do blog: Enlaces educativos. Quinta Porrúa
- na columna da esquerda aparecen as entradas
- na columna da dereita e de arriba-abaixo:
  • presentación
  • etiquetas
  • enlace coa páxina do Premio Edublogs, no que este blog participou na categoría de blogs de profesores e profesoras.
  • direccións de correo-e: desde este blog ofrécese a posibilidade de contribuir ao seu enriquecemento a través de dúas direccións de correo-e ás que se poden remitir enlaces que cada quen considere interesantes no ámbito educativo.
  • enlaces con blogs que o autor considera moi interesantes: El tinglado, La despensa educativa, Blogprofesor@s: creando y compartiendo entre outros.
  • calendario onde se indica o día e tamén os días que o blog leva activo (a día de hoxe son 333 días). Ademais dase a benvida ao blog e desexase que cada quen atope o que busca
  • contador de visitas e información sobre os lugares do planeta desde os cales é visitado
  • enlaces con outros blogs do mesmo centro
  • clasificación dos recursos incorporados ao blog en base ao nivel e á area
  • arquivo do blog
  • datos persoais
Na miña opinión, o blog é moi interesante, de fácil navegación e achega a tódalas persoas interesadas na educación - pais e nais, profesores... - un montón de recursos que hai na rede pero xa reunidos e clasificados.
Ademais non se reduce a unha idade concreta - abarca desde infantil a primaria - nen a unha área - hai recursos para tódalas áreas e niveis.

Se non o coñecedes, invítovos a que lle botedes unha ollada; na miña opinión ten recursos moi interesantes, despois que cada quen valore...




miércoles, 26 de diciembre de 2007

Blog: e iso que é...???

Resulta paradóxico que a estas alturas me plantexe que é un blog.
Si, paradóxico, porque o que agora mesmo estou escribindo vai aparecer publicado nun, no meu... e aínda que agora xa sei o que é un blog, non fai tanto tempo que os descubrin.
Para os que non o saiban, un blog é un diario na web. O termo proven das palabras web + log (web = rede + log = diario)
Tamén se chaman cadernos de bitácora, sobre todo, cando o autor escribe sobre a súa vida como se fose un diario.
É un sitio web no que un ou varios autores escriben os seus textos ou artigos, que se actualiza periodicamente e que admite comentarios referentes aos artigos publicados. Os artigos aparecen en orde inverso a súa publicación e poden incluir texto, imaxes, videos, enlaces...
Crear un blog como este é sinxelo. Hai servidores na rede - como Blogger, Myspace, Obolog e outros - que permiten crear un blog en poucos pasos de xeito gratuito. Proporcionan un aloxamento ou dirección web para o blog e unha interfaz que permite a súa xestión de xeito sinxelo.
Para blogs máis complexos, onde sexa necesario un control total sobre a súa funcionalidade, é precisa a instalación dun software de xestión de contidos.
Co blog creado logo só queda darlle continuidade...

Pensando, pensando non deixa de asombrarme a enorme cantidade de blogs que hai, xa só relacionados coa educación... dende inicios do século XXI que é máis ou menos cando surxiron. Isto lévame a reflexionar sobre a importancia que a sociedade actual lle da as TICs, importancia á que a escola non pode permanecer allea.
Xa non é posible imaxinar unha escola que lle feche as portas á tecnoloxía porque os nenos e adolescentes que enchen as aulas naceron e medraron rodeados de tecnoloxía, de Internet... Por iso son necesarios novos enfoques educativos que lle den cabida ás TICs nas aulas e que lle proporcionen aos alumnos as competencias necesarias para desenvolverse nesta sociedade.

domingo, 23 de diciembre de 2007

E mañán que...???

Dende o 18 de novembro cada domingo, cando chegaba a media tarde, emprendía viaxe cara á Coruña.
Hoxe non o vou facer, e non porque chegaran as vacacións de Nadal... senon porque xa non é unha viaxe necesaria...
As prácticas xa remataron e todo o vivido, o aprendido, o feito... durante este tempo está aí e nadie mo pode quitar pero... cómo o vou botar de menos!
As horas que compartín cos cativos de 3, 4 e 5 anos, así como coas súas profes, foron marabillosas e servíronme para ratificarme en que isto é o que me gusta e o que quero facer... e ademais en que quero facelo así
Gracias por deixarme participar da vosa forma de traballar!!!

O recanto do ordenador...

Cantas veces, cando estudias algo na teoría, pensas que é moi dificil atopar algo semellante na práctica...
Eu tiven a sorte de poder facer as miñas prácticas de maxisterio nun cole onde:
- as aulas están pensadas para os nenos e organizadas por recantos,
- as asambleas eran un momento moi importante e diario
- as actividades lúdicas formaban parte da súa aprendizaxe (aprender xogando...)
- ...

Hoxe quero falarvos dos recantos.
Estiven nas aulas de 3, 4 e 5 anos. Algúns dos recantos que teñen son comúns a todas elas e outros só estaban nalgunha delas, algúns eran permanentes e outros temporais...
Recantos que están presentes nas distintas aulas son: a casiña, a biblioteca, o recanto da pintura, o recanto dos inventos, as construccións, os animais...
Un recanto común ás 3 aulas é o recanto do ordenador aínda que na aula de 3 anos de momento só se usou para poñer música ou ver fotos (o seu uso por parte dos nenos nesta aula comeza no 2º trimestre)
Nas aulas de 4 e 5 anos os nenos van a este recanto de 2 en 2 tanto en momentos de xogo por recantos como noutros momentos: lóxico-mate, lectoescritura... Nestas aulas, no 2º e 3º trimestre, empezan novos proxectos (ver entradas anteriores deste blog)
A foto que acompaña esta entrada corresponde ao recanto do ordenador da aula de 4 anos.
Ata a próxima!

jueves, 20 de diciembre de 2007

As TICs no cole (4)

Ola de novo!!!
O meu período de prácticas está rematando e... cómo me gustaría seguir no cole onde estou. Supoño que non son a única pois a experiencia está sendo moi boa...

En días anteriores fun contando como se integran as TICs nas aulas de Infantil e hoxe vou contar algo máis polo miudo os recursos cos que conta o centro.
En Infantil hai un ordenador por aula, con conexión a internet e ademais tamén hai reproductores de son.
No resto das aulas hai un ordenador con conexión a internet, unha impresora, autofalantes e auriculares e un reproductor de son.
O centro conta ademais cunha aula de informática coa seguinte dotación:
- 15 ordenadores con conexión a internet
- un encerado dixital
- unha impresora laser
- outra de chorro
- un escaner
Por outro lado conta con recursos que podemos chamar móviles, tanto informáticos (ordenador portátil e canón proxector) como audiovisuais (televisión, vídeo, DVD e 2 cámaras de vídeo e fotografía dixital)
Outros espacios onde podemos atopar ordenadores son:
- a sala de profesores, onde hai varios ordenadores (4 - 5) e unha impresora para o uso dos profes
- en dirección
- nas oficinas da entrada, onde ademais hai unha fotocopiadora

miércoles, 12 de diciembre de 2007

As TICs no cole (3ª parte)

Hoxe estiven na aula de 5 anos e pola tarde fixemos xogos matemáticos. Entre as diferentes opcións que había unha era o ordenador...
Sirveme isto de introdución para contarvos cando e de que maneira se introduce o ordenador en Educación Infantil neste cole.

O contacto co ordenador iníciase en 3 anos no 2º trimestre. Inicialmente fan actividades de familiarización, uso libre do teclado e un programa de debuxo parecido ao paint. Máis tarde empezan a usar material externo que inclúen nas dinámicas e nos proxectos da aula como "A ratiña Lola", "Pipo"...

En 4 anos empezan no proceso de adaptación co xogo dos nomes (co seu nome e o dos amigos da clase), tamén usan materiais externos e o programa de debuxo. A partir do 2º trimestre introducen o ordenador na súa metodoloxía por proxectos, fan un diccionario temático dos proxectos que van traballando e inicianse na búsqueda de imaxes significativas dos proxectos que xa traballaron a nivel de lecto-escritura e que van incluir posteriormente na realización de murais, albums...

En 5 anos comezan cun repaso do xogo dos nomes pero inician tamén un diario no ordenador (trátase de que cada neno escriba periódicamente algo no diario da clase). Tamén continúan coa búsqueda de imaxes, co programa de debuxo... Como novidade, no 3º trimestre crean unha conta de correo-e como ferramenta de comunicación, un conto dixital e fan un ficheiro individual de contos lidos.
Deste xeito se inician os nenos deste cole no uso do ordenador... outro día contareivos máis cousas.
Ata a próxima!!!